Ir o contido principal

Silencios habitados. Obras mestras da colección

Este itinerario mostra as pezas máis relevantes da colección do Museo de Arte Sacra das Clarisas de Monforte de Lemos.

Sor Catalina de la Concepción e o seu legado

Esta sección convida a coñecer o excelente legado de Sor Catalina de la Concepción, o contexto no que viviu e a transcendencia da súa obra ao longo dos séculos.

Como inicio deste itinerario, unha parella de retratos ofrecen unha cálida benvida ao visitante. De especial interese resulta o de Sor Catalina de la Concepción, VII condesa de Lemos, fundadora da casa e promotora artística da colección. Ao seu carón, coa dignidade propia dun alto mandatario, aparece o seu pai, o Duque de Lerma, figura clave na política da Monarquía Hispánica durante o reinado de Felipe III.

Relicario italiano de inicios do século XVII composto por un gran armazón de prata de lei e un corpo central de gran sentido pictórico e clara inspiración clasicista, no cal aparece unha combinación de diversos mármores e ágatas de orixinais e variados cores. Domina a escena a imaxe dun gran copón conformado a partir da combinación de tons amarelos, grises e azuis, que encerra unha teca central coas reliquias de Santa Ana, decorada esta con algúns abelorios e ilustrada por unha cartela coa inscrición: «S. ANNA MARIAE MATER». En conxunto, trátase dunha peza que se caracteriza por un gran equilibrio compositivo e polo seu elegante cromatismo, estruturado a partir dunha sabia combinación dos materiais.

Os distintos episodios do ciclo da Paixón de Cristo serán un tema recorrente ao longo da visita, tal como contemplamos nesta obra: Crucificado e tese de bacharel de Catalina de la Cerda y Girón. Estamos ante un conxunto composto por un marco-relicario, un Crucificado e un téxtil gravado coas teses de bacharel da filla do IX conde de Lemos e irmá clarisa do convento. As seis teses gravadas foron defendidas en Salamanca no ano 1655 para a obtención do título de bacharel en Filosofía e Medicina. O pano de seda está enmarcado por unha moldura de ébano e, sobre él, preséntase o magnífico Cristo crucificado realizado en bronce dourado, obra do escultor italiano Guglielmo della Porta. Esta figura chama a atención pola minuciosidade dos seus detalles e o perfecto estudo anatómico, que deriva de tipos de inspiración miguelangelesca difundidos a finais do XVI e comezos do XVII.

A colección de reliquias

O convento de MM. Clarisas de Monforte destaca, entre outras moitas cuestións, por custodiar a que probablemente sexa a maior colección de reliquias conservada no ámbito hispano. As reliquias consisten na conservación consciente e para uso devocional de elementos relacionados coa vida e Paixón de Cristo ou fragmentos óseos e outros elementos relacionados coa vida dos santos e mártires. Unha das súas características máis recoñecibles é que para a súa custodia e protección se deseñan receptáculos específicos, os cales poden adoptar tipoloxías moi variadas. No museo podemos observar un amplo mostrario de modelos, que van desde os máis comúns, en forma de urna, caixa ou cofre, ata outros cun marcado carácter escultórico, como os de busto ou antebrazo. Tamén se conservan algunhas pezas de gran singularidade, como a ampola de cristal e bronce dourado que contén a reliquia co sangue de San Pantaleón. A continuación, preséntase unha selección dalgunhas das máis relevantes.

Urna que contén a reliquia dun dos cravos da Crucifixión. Está depositado nunha pequena urna sostida por anxos e cuxo basamento permite observar distintos óculos destinados a gardar outras reliquias. Esta magnífica creación foi un agasallo do VIII conde de Lemos, Francisco Ruiz de Castro, á súa cuñada e fundadora do mosteiro: D.ª Catalina de la Cerda y Sandoval. Peza de ourivaría realizada en prata, procedente de Italia, e datada a comezos do século XVII.

Caixa realizada no século XVII en chapa de prata dourada, con esmaltes e tapa de cristal. A peza alberga un pequeno xogo composto por dúas chaves que conteñen as limaduras das cadeas coas que San Pedro foi feito prisioneiro e cuxos orixinais se conservan na igrexa romana de San Pietro in Vincoli. A pesar do diminuto tamaño, o artista non deixou de coidar ata o máis mínimo detalle.

Corpos de devoción: A escultura do museo

A escultura ocupa un lugar destacado na colección, non só pola súa cantidade e variedade, senón especialmente pola calidade das pezas. Dentro deste conxunto poden admirarse obras de natureza diversa: dende pequenas esculturas de vulto redondo destinadas á devoción privada, ata pezas de gran formato e extraordinaria beleza artística, como o magnífico Cristo Xacente do mestre sarrián Gregorio Fernández. Unha análise minuciosa deste grupo permite non só rastrexar os gustos persoais da condesa, senón tamén descubrir elementos de profunda sensibilidade espiritual que nos achegan ao carisma das relixiosas franciscanas.

Esta Santa Lucía constitúe unha elegante mostra de escultura napolitana realizada durante o goberno virreinal dos VII condes. Os artistas, Giovan Battista Ortega e Pietro Quadrado, confróntannos cunha muller nova, co pelo recollido e vestida con elegancia. A doce moza, de talante sereno, porta os principais elementos iconográficos asociados pola tradición. Nunha man é posible observar a palma, símbolo clásico para representar a inmortalidade e a vitoria espiritual. Na outra, o prato dourado cos seus ollos, facendo referencia directa ao desgarrador castigo. Como é habitual nas pezas desta serie, a figura de medio busto álzase sobre unha peaña cruciforme, a cal está dotada dunha teca destinada ao depósito da reliquia da santa.

Soporte relicario en ébano e bronce dourado que alberga unha réplica en prata dunha das esculturas máis célebres da historia da arte: A Piedade de Miguel Anxo. Nesta ocasión, a Pietà sitúase no interior dunha fornacina de gran presenza arquitectónica, unha escena de disposición teatral en cuxo fondo é posible advertir a cruz de martirio do Divino Salvador. Coroando a composición, atopamos unha curiosa escena pintada ao óleo sobre lapislázuli que representa o Sacrificio de Isaac, pasaxe do Antigo Testamento que prefigura o sacrificio de Cristo evocado no plano inferior.

Escultura sedente que presenta á santa de corpo enteiro, vestida co hábito franciscano, sentada sobre un sillón de amplas volutas e cos pés descalzos apoiados sobre un coxín. Trátase dunha talla en madeira estofada e policromada realizada nun obradoiro castelán durante o século XVII. A obra comparte certos trazos coa Santa Teresa de Gregorio Fernández.

Inmaculada da primeira metade do século XVII realizada polo xenial artista Gregorio Fernández. Trátase dunha escultura en madeira policromada que segue un tipo iconográfico desenvolvido polo autor, e que nos remite a un modelo con clara conexión coa Inmaculada Concepción da catedral de Astorga. Así, observamos unha Inmaculada coroada, de rostro sereno, en actitude de oración e coas mans recollidas sobre o peito. No tocante á vestimenta, porta un manto celeste de tipo campaniforme con detalles dourados e unha túnica branca con motivos florais de tipo esquemático. Aos seus pés, avanza pisando un dragón e na parte traseira aparece un fino crecente lunar. A imaxe complétase cun resplandor decorado con estrelas e querubíns que rodea toda a peza. O conxunto apóiase nunha elaborada peaña de madeira policromada.

Nesta sala podemos contemplar un elenco dalgunhas das mellores obras de cantas se custodian no museo. Este Cristo xacente é unha das pezas máis notables realizadas polo célebre escultor sarrián Gregorio Fernández. O conxunto, creado nun momento de plenitude artística, sobresae pola gran sensibilidade coa que o autor logra captar o drama da Paixón de Cristo. Na súa orixe, a obra foi un encargo realizado cara ao ano 1610 polo duque de Lerma para a súa filla, D.ª Catalina da Cerda, fundadora do mosteiro monfortino.

O Cristo presenta un realismo sobrecolledor, grazas á meticulosa atención prestada a todo tipo de detalles: os ollos, entreabertos, son de cristal; a boca deixa entrever os dentes de marfil e ofrece a sensación de estar conxelada no instante de exhalación do último suspiro; as unllas de pés e mans, postizas, están realizadas en asta de bovino; o cabelo, moi coidado, mostra mechas tinguidas dun rubio máis intenso que o resto; o pano de pureza, con marcados pregues angulosos, está realizado con tea encolada. Pola súa parte, o corpo foi tallado exento ao sudario, o que permite unha maior definición anatómica.

Outro elemento relevante do conxunto é a urna que contén a efixie, a cal está dotada dunha poderosa estrutura arquitectónica cunha elegante policromía, marco extraordinario para contemplar a beleza do Divino Salvador.

Elementos litúrxicos: A materiallidade do rito

Estamos ante unha das pezas de maior relevancia de cantas se custodian no museo. Trátase dunha arqueta realizada en cristal de roca, con armazón de ébano dourado e apliques en bronce. Na súa parte media destaca a presenza de elementos de clara inspiración arquitectónica, grazas á inclusión de grupos de columnas de fuste helicoidal, elaboradas en cristal de roca e rematadas con capiteis corintios en bronce. Esta fermosa arqueta estivo destinada a custodiar o Santísimo Sacramento no monumento de Xoves Santo. Para a súa protección deseñouse un arcón a medida, realizado en madeira de castiñeiro e forrado en lenzo pola súa cara interior, o cal pode observarse na parte inferior da vitrina.

Esta peza está directamente relacionada co don da paz na Eucaristía. A súa finalidade era recoller o signo de paz manifestado mediante o ósculo dos fieis ao mesmo obxecto. Esta tradición ten a súa orixe a finais da Idade Media e xorde como unha medida de contención encamiñada a fomentar o decoro e a limitar o contacto físico entre os asistentes.

O portapaz é unha peza en forma de placa que adoita reproducir o aspecto dun diminuto altar ou retablo cunha imaxe central, incorporando en non poucas ocasións elementos de clara inspiración arquitectónica. Tal é o caso desta magnífica peza realizada en prata sobredourada a finais do s. XVI e cuxo orixe probable parece situarse nalgún obradoiro da península itálica.

A peza que observamos transmite un marcado acento barroco. Nela, o artista anónimo é capaz de xerar unha interesante escenografía, por medio dunha disposición meditada de elementos de certa inspiración arquitectónica e un sabio manexo do claroscuro. No centro, unha imaxe en relevo da Asunción é levada por anxos en sentido ascensional, reflectindo un extraordinario equilibrio entre dinamismo e contención. A inclusión de distintas bandas de esmaltes, decoradas con delicados tons azulados, contribúe a crear unha harmonía visual entre os distintos corpos do conxunto.

Esta custodia chama a atención polo seu orixinal aspecto. Trátase dunha peza elaborada por un obradoiro castelán no século XVII, en bronce sobredourado e decorada con elementos de vidro e esmaltes. Nun momento posterior, engadíronse distinta xoias con perlas, pedraría, cristal de roca e coral, dispostos en perfecta alternancia de tons nacarados e avermellados. Estes elementos procedían na súa orixe dun vestido, o cal puido pertencer a D.ª Catalina de la Cerda y Sandoval. O resultado final é unha peza deslumbrante, de gran beleza e orixinalidade, que combina a riqueza ornamental coa carga simbólica e devocional.

Os téxtiles: Revestirse de divinidade

Esta sala ofrece unha interesante e variada mostra de pezas téxtiles procedentes de diversos obradoiros italianos e hispanos. En cada unha delas obsérvase a gran riqueza de materiais e o laborioso traballo levado a cabo polos distintos obradoiros na realización de cada unha das prendas. Entre as pezas expostas, podemos atopar distintos elementos que constitúen unha parte activa dentro da liturxia, tales como: casullas, dalmáticas, estolas, bolsas de corporais ou cubrecálices.

Máis alá do seu estrito carácter ritual, estas pezas están impregnadas dun profundo valor simbólico, tal como se manifesta a partir de certas prescricións bíblicas, rastrexables algunhas delas a partir do testemuño do propio San Pablo, nun claro sentido de “revestirse” de Cristo (Gal 3, 26-27).

Non menos importante é a relación das clarisas monfortinas coa produción téxtil, ata converter este nun dos principais valores artísticos e patrimoniais do convento, tanto na súa dimensión material como inmaterial. Neste sentido, é necesario destacar a importante labor levada a cabo polas irmás na confección de pezas téxtiles e na elaboración de ricos bordados ao longo dos séculos, chegando a acadar elevadas cotas de excelencia nos seus traballos. Este feito faise plenamente visible en pezas de gran refinamento e perfección, algunhas das cales podemos contemplar nesta colección.

Estamos ante un dos conxuntos de pezas en tea máis destacados da colección. Denomínase terno ao conxunto de tres prendas relacionadas entre si, as cales comparten un mesmo patrón decorativo. Na liturxia cristiá, o terno está composto por tres elementos principais destinados a revestir ao sacerdote, ao diácono e ao subdiácono durante determinadas funcións sagradas, de maneira destacada na celebración da misa. Neste caso, o conxunto inclúe unha casula e unha capa pluvial para o sacerdote e dúas dalmáticas, para o diácono e o subdiácono. Ademais destas prendas, o grupo complétase cun frontal a xogo e unha segunda capa pluvial.

A denominación “terno de Nápoles” é o nome tradicional empregado pola comunidade de clarisas de Monforte. É posible que a orixe desta denominación estea relacionada coa aparencia do propio tecido, o cal remite de maneira clara a outros exemplares producidos en Italia. Non obstante, o deseño e o tipo de bordados mostra enormes paralelismos con outros modelos contemporáneos realizados no ámbito hispano.

Neste caso, o tecido é un brocado en seda vermella e dourada que presenta motivos con granadas de certa inspiración orientalizante. Porén, o tipo de bordado, coñecido como “ao romano”, execútase mediante “empedrados” (unha serie de pequenos cadrados alternos) e remátase con cordonciños. Esta técnica coincide coa utilizada nos obradoiros de Sevilla, Toledo, Madrid e Valladolid durante o primeiro terzo do século XVII, o que permite relacionar a orixe das prendas en Italia e atribuír un proceso de manufactura final nun obradoiro peninsular.

A colección pictórica: visións do sagrado

A colección pictórica confinada no museo constitúe un testemuño manifesto do cruzamento de camiños entre arte, poder e espiritualidade na Europa do século XVII. Neste ambiente de recollemento, o visitante é movido á devoción a través dun conxunto de pezas que transcenden a dimensión local e o trasladan directamente ás redes de coleccionismo e tráfico artístico do Barroco hispano.

Esta obra italiana, de autor descoñecido, amosa a Nosa Señora do Pópolo seguindo un modelo derivado do icono bizantino custodiado en Santa María a Maior de Roma e coñecido como Salus Populi Romani. A pesar da distancia entre ambas pezas, a imaxe segue un plantexamento iconográfico semellante, ao mostrar unha Virxe con manto azul, sostendo ao Neno nos brazos e un pano na súa man esquerda. Porén, obsérvanse algunhas modificacións respecto ao modelo romano, ao prescindir de certos elementos como o anel consular ou o fondo neutro. Todo isto unido ao feito de dotar ás figuras dun maior naturalismo, coa consecuente perda de rixidez destas. O rompemento de gloria da parte superior permite, ademais, concentrar a mirada do espectador no rostro sereno da Virxe e na presenza dun Cristo Neno cunha posición lixeiramente xirada e en actitude de bendicir.

Dentro deste conxunto paga a pena deterse a contemplar dúas belas pinturas ao óleo sobre cobre dedicadas ao tema da Sagrada Familia. De especial interese é A Sagrada Familia con Santa Ana e San Xoanito. Trátase dunha animada escena familiar, poboada de personaxes e iluminada desde un lateral. No centro da composición, a Virxe, sentada e marcando unha forte diagonal, sostén ao Neno en presenza de San Xosé e de San Xoanito. Este último aparece acompañado do cordeiro, o cal nos remite a modelos iconográficos do Agnus Dei, prefigurando así o futuro martirio de Cristo. Estamos ante unha obra de clara inspiración manierista que destaca polo seu gran coidado pola luz e unha gran mestría no tratamento da cor, aspecto claramente visible na extraordinaria execución das carnacións e na riqueza dos tecidos.

Pintura ao óleo sobre táboa realizada no século XVI que nos presenta á fundadora da Orde das Clarisas nunha equilibrada escena de gran beleza dominada por un sosegado ambiente de silencio e recollemento. O artista foi capaz de transmitir unha sensación de gran recollemento a través dunha composición meditada e unha elegante selección cromática. A imaxe segue a iconografía tradicional asignada á santa de Asís, ao presentala co hábito da orde, o báculo e a custodia coa exposición do Santísimo Sacramento, en alusión aos sucesos acontecidos no convento de San Damián en 1230. Sen dúbida, estamos ante unha das pezas de maior beleza da colección. 

O tacto da devoción: a produción artística das Madres Clarisas de Monforte de Lemos

Esta obra, pola súa gran significación simbólica e artística, constitúe o epílogo perfecto para este itinerario artístico. A súa pretendida aparencia sinxela revélase como unha máscara que encerra unha enorme carga simbólica, especialmente por dous motivos. Dende o punto de vista iconográfico, a escena presenta con gran economía de recursos un dos temas centrais da relixión cristiá: a visión do Apocalipse. Deste xeito, observamos unha escena presidida por un cordeiro que repousa cálidamente sobre un volume con sete selos. Por outra banda, a presenza do xardín ordenado, así como o animado cromatismo dos elementos vexetais, harmonizan co vitalismo naturalista que caracteriza á profunda sensibilidade espiritual franciscana. 

Porén, o elemento máis importante, e polo que a obra constitúe un epílogo en si mesma, é a súa condición de exemplo manifesto de hibridación técnica e da xenialidade artística das MM. Clarisas da Purísima Concepción. As relixiosas foron capaces de fusionar como ninguén a creación puramente intelectual cunha técnica refinada, capaz de desafiar as categorías establecidas para o estudo deste tipo de obras.