Unha historia de máis de 400 anos
En 1977 ábrese ao público o Museo de Arte Sacra das Clarisas de Monforte de Lemos, froito do traballo conxunto de Manuel Chamoso Lamas e Manuel Casamar, e grazas á encomiable labor de conservación levada a cabo durante séculos polas MM. Clarisas do convento da Purísima Concepción. Este acontecemento marca a inauguración, baixo unha nova museografía, da extensa colección de obxectos devocionais e obras de arte que alberga a casa, resultado do mecenado e da protección da súa principal benfeitora: D.ª Catalina de la Cerda y Sandoval.
Durante o goberno virreinal en Nápoles dos VII condes (1610–1616), D.ª Catalina inicia a formación dunha exquisita colección de reliquias e outros obxectos artísticos e devocionais. Entre as pezas reunidas destacan obras de pintura, escultura, ourivaría ceroplástica e téxtiles, ademais do extenso grupo de reliquias e outros elementos destinados ao culto relixioso. A este amplo corpus de pezas italianas sumáronse, con posterioridade, diversos obxectos procedentes da familia ducal de Lerma e da Casa de Lemos.
Ao seu regreso a España, os Condes de Lemos fundan en outubro de 1622 o convento das MM. Clarisas de Monforte de Lemos, incorporando á casa unha nutrida selección de pezas de orixe italiana. O seu traslado foi posible, en gran medida, grazas ao permiso concedido pola Santa Sede, que respondía afirmativamente ás reiteradas xestións realizadas pola condesa.