Esta escultura sedente representa a Santa Catalina de Bolonia de corpo enteiro, sentada sobre un sillón de madeira rematado en volutas nos seus extremos. Na súa man dereita sostén un crucifixo, mentres que na esquerda parece suxeitar un obxecto hoxe desaparecido, probablemente un rosario.
A santa boloñesa aparece vestida co hábito franciscano, decorado con unha rica e colorida ornamentación floral, que contrasta coa sobriedade propia da orde. A policromía e o estufado dourado das vestimentas contribúen a crear un conxunto de gran riqueza visual, destacando especialmente as cenefas vexetais en tons rosáceos.
A obra presenta unha notable variedade de texturas, que van dende a rixidez estrutural do sillón ata a suavidade da almofada sobre a que descansan os pés da santa, o que engade unha dimensión táctil á peza.
A cuestión da autoría segue a ser motivo de debate, aínda que certos trazos formais suxiren unha posible vinculación coa escola castelá.
Polo demais, a presenza dun enganche na parte superior da cabeza indica que a obra puido contar orixinalmente cun nimbo, hoxe desaparecido.
- Chamoso Lamas, M. y Casamar, M. (1980). Museo de Arte Sacro Clarisas de Monforte de Lemos. Madrid: Caja de Ahorros de Galicia.
- Sáez González, M. (2012). Del Reino de Nápoles a las Clarisas de Monforte de Lemos: escultura del siglo XVII en madera. Lugo: Diputación de Lugo.