Arqueta realizada en cristal de roca con armazón de madeira de ébano e apliques en bronce dourado. Na sua parte media, destaca a presenza de elementos de clara inspiración arquitectónica, gracias á inclusión de grupos de columnas de fuste helicoidal realizadas en cristal de roca e rematadas con capiteis de bronce de orden corintio. A arca de planta rectangular xera un interesante xogo de entrantes e saíntes a partir deste corpo de columnas dobles, que se converten en triples no espazo correspondente coas esquinas. Nos espazos intermedios distintas láminas de cristal dispostas en forma de óculos permiten ver o interior do recipiente. Compre salientar tamén a decoración das molduras intermedias, composta a partir de ramilletes de flores, granadas, aves e outros motivos xeométricos.
En opinión de M. Casamar, esta bela arca puido formar parte dun agasallo realizado polo pontífice Urbano VIII a Sor Catalina de la Concepción, Dª Catalina de la Cerda y Sandoval, e cuxa finalidade principal foi a da custodia do Santísimo Sacramento no monumento de Xoves Santo. Para a salvaguarda desta magnífica peza deseñouse un arcón protector realizado a medida en madeira de castiñeiro forrado en lienzo pola sua cara interna.
- Chamoso Lamas, M. e Casamar, M. (1980). Museo de Arte Sacro Clarisas de Monforte de Lemos. Madrid: Caja de Ahorros de Galicia.
- Lorenzana Lamelo, M.ª L. (1986) Aportación documental al estudio histórico-artístico de dos fundaciones monfortinas: el colegio de la Compañía y el Convento de las Clarisas. Santiago de Compostela: Universidad de Santiago de Compostela.
- Sáez González, M. (1987). La platería en Monforte de Lemos. Lugo: Diputación de Lugo.
- Valle Pérez, J. C., y Fernández Otero, J. C. (1993). Os Museos da Igrexa en Galicia. Ourense: Xunta de Galicia.