Ir o contido principal

Relicario da Piedade

relicario 1
Autor
Localización
Clasificación
Lugar de orixe
Estilo
Século
XVII
Descrición

Pequeno retablo-relicario que contén unha reprodución en prata e a pequena escala da Piedade de Miguel Anxo Buonarroti. O retabliño presenta un esquema arquitectónico cun corpo central dividido en tres rúas. Trátase dunha peza realizada con alma de madeira e recuberta de placas de ébano, diversas pedras duras e pedraría.

No banco atopamos tres placas a cada lado, en alternancia de cores, determinadas pola propia natureza cromática dos materiais: lapislázuli e xaspe. Na parte central, unha pequena furna alongada garda unha das reliquias que atesoura a estrutura.

No corpo central, o nicho coa imaxe da Piedade con Cristo nos brazos preside o conxunto. Este aparece flanqueado por dúas columnas de forte presenza arquitectónica que dividen as rúas. Ambas presentan idénticas basas e capiteis corintios en bronce sobredourado. Os fustes estarían realizados a partir de pedras de lapislázuli engastadas. Nas rúas laterais, aparecen dous pequenos nichos baleiros, e nos extremos destes (na parte superior e inferior), dúas pequenas furnas con reliquias a ambos lados do relicario. Finalmente, os límites laterais están definidos por dúas pilastras compostas por senllas placas de xaspe e, ao igual que as columnas, con basas e capiteis corintios en bronce sobredourado. No espazo de transición cara ao corpo superior aparecen diversas pezas de xaspe, lapislázuli e pedraría.

No ático preside unha curiosa pintura ao óleo sobre lapislázuli que representa a escena do Sacrificio de Isaac. A imaxe mostra a Isaac no altar e a Abraham en actitude de ofrecer ao seu fillo en holocausto. Todo acontece no instante preciso no que é detido polo anxo antes de cometer o filicidio. A escena reflicte a gran proba de fe á que foi sometido Abraham (Gn 26, 1-12). O conxunto está coroado por un frontón decorado cunha pedriña de cor azul no centro.

Para rematar, e tal como sinalan Chamoso Lamas e M. Casamar, semella non existir unha correspondencia directa entre a peaña que sostén a imaxe da Pietà e a fornela central (cf. Chamoso Lamas e Casamar, 1980: 100).

Bibliografía
  • Andrés González, P. (2020). “De convento a museo. Las colecciones de patronazgo femenino entre las clarisas”, en Ángel Zalama, M. e Andrés González, P. (eds.), Ellas siempre han estado ahí. Coleccionismo y mujeres. Madrid: Ediciones Doce Calles, pp. 95-111.

  • Chamoso Lamas, M. y Casamar, M. (1980). Museo de Arte Sacro Clarisas de Monforte de Lemos. Madrid: Caja de Ahorros de Galicia.

  • Lorenzana Lamelo, M.ª L. (1986) Aportación documental al estudio histórico-artístico de dos fundaciones monfortinas: el colegio de la Compañía y el Convento de las Clarisas. Santiago de Compostela: Universidad de Santiago de Compostela.

  • Sáez González, M. (2018). Coleccionismo y almoneda del gran Conde de Lemos, Don Pedro Fernández de Castro. Lugo: Diputación de Lugo.

Material
Prata
Bronce dourado
Latón
Madeira
Lapislázuli
Xaspe
Outras pedras
Técnica
Fundido
Moldeado
Cincelado
Tallado
Engastado
Pintura ao óleo